Repsol

O templo do viño, as adegas máis espectaculares


Nesta reportaxe ofrecémoslles só algúns exemplos destas catedrais do viño como as adegas Marqués de Riscal en Elciego, as adegas Tradición en Xerez da Fronteira, Vega Sicilia en Valladolid ou Ysios en Laguardia, adegas que foron deseñadas por arquitectos da altura de Santiago Calatrava, Frank Gehry ou Rafael Moneo.

Viño, deseño e arte, as adegas máis espectaculares souberon xuntar as impresionantes construcións de estética vangardista coa funcionalidade para acadar a máxima calidade no proceso de elaboración e crianza do viño.

O templo de Ysios, en Laguardia

Bodega Ysios

En Laguardia, provincia de Álava, encóntrase unha das adegas máis atrevidas e rechamantes. O arquitecto valenciano Santiago Calatrava deseñou un edificio singular e vangardista como lugar de culto e elaboración de viños de máxima calidade. Se o terreo chama a atención por ter forma de copa, o edificio é espectacular, está realizado en formigón revestido por lamas de madeira. 

A cuberta é o elemento fundamental xa que simula as ondas do mar sobre cepas. O material empregado no seu acabado exterior é o aluminio natural. Estas adegas foron inauguradas no ano 2001. O seu nome, Ysios, é unha homenaxe a Isis e Osiris, dúas divindades exipcias intimamente ligadas co mundo do viño.

Pinacoteca na adega

Bodegas Tradición

A Bodega Tradición, en Xerez da Fronteira, Cádiz, elabora viño e brandy con Denominación de Orixe de Xerez seguindo a tradición e os métodos ancestrais de crianza. Foi fundada co obxectivo de recuperar as tradicións nos procedementos de elaboración dos viños de Xerez. 

Pero o valor engadido desta adega gaditana é a espectacular pinacoteca que albergan os seus muros. Inaugurada no ano 2006, está formada por unha selección de 300 obras da Colección Joaquín Rivero de pintura española que reúne grandes mestres da pintura dos séculos XV ao XIX: Goya, Velázquez, Zurbarán, Madrazo ou Lucas Villamil son algúns dos autores cos que gozarán os visitantes.

A Catedral de Marqués de Riscal, en Elciego

Bodega Marqués de Riscal

As adegas de Marqués de Riscal na localidade alavesa de Elciego convertéronse nun museo. A primeira adega comezou a construírse en 1858. No interior destas instalacións, hoxe en día utilizadas para a crianza de viño en barrica, encóntrase La Catedral, un botelleiro no que Marqués de Riscal garda o seu mellor tesouro, unha colección única composta por botellas de todas as anadas producidas dende 1862. Nos longos e silenciosos corredores da Catedral dormen os viños rodeados de mofo e arañeiras, principais conservadores deste legado, pois o mofo mantén frescas as botellas e as arañas comen os insectos que poderían estragar os viños.

O incremento da produción de viño fixo que en 1883 se tivesen que ampliar as instalacións desta adega, feito que volvería repetirse nos anos 1968 e 2000.

Señorío de Arínzano, un deseño de Moneo

No corazón de Navarra, Aberín, encóntrase a impresionante propiedade de Arínzano, un espazo protexido que constitúe un rico hábitat natural. A entrada á adega, deseñada polo famoso arquitecto español Rafael Moneo e encargada pola familia Chivite, serve de inspiración para unha nova identidade de marca do predio Arínzano. A adega plasma a filosofía da propiedade, está integrada na paisaxe como un novo elemento natural e construída con materiais respectuosos co medio. O interior combina a tecnoloxía máis moderna cun tratamento artesanal. A familia Chivite adquiriu a propiedade de Arínzano] en 1988 convencida de que a exclusividade do terreo, a súa historia, arte e contorna darían lugar a viños da máxima calidade e carácter singular. Como resultado, Arínzano é unha das poucas terras en España ás que se recoñeceu o status de Pago, e o primeiro no norte de España.

Freixenet, o mundo máxico do cava

Bodega Freixenet

Freixenet é unha empresa familiar que logrou ser un dos maiores produtores de viño espumoso a nivel mundial e o primeiro en España. Na actualidade, a empresa é propietaria de diferentes adegas nas zonas vinícolas máis importantes do mundo. Freixenet está situada no corazón da Comarca do Penedés en Sant Sadurní d´Anoia

A parte máis antiga da adega foi construída en 1922 e entre os seus muros combínase con absoluta naturalidade o método máis tradicional de elaborar cava coa innovación e a aplicación da máis avanzada tecnoloxía.

Adega castelá, Vega Sicilia

As adegas Vega Sicilia están situadas na localidade valisoletana de Valbuena de Duero. A adega aínda conserva o seu sobrio aspecto de mansión castelá, no seu interior hai unha capela que foi construída polos primeiros propietarios e que leva o nome de Santa Cecilia. Crese que o nome do terreo deriva desta. A adega conta cunha plantación de 250 hectáreas de viñedo, abranguendo un 80% a variedade autóctona tinto fino ou tempranillo da Ribera e, o resto, cabernet sauvignon, merlot e malbec.

Torelló, a adega máis familiar

Despois de 22 xeracións, a Bodega Torelló segue conservando a propiedade do terreo e a paixón pola elaboración dos seus viños e cavas. A Masía de Can Martí de Baix inclúe casa e adega, ademais dispón dun magnífico espazo para catas e celebración de eventos. Torelló só elabora cavas Reserva (máis de 15 meses de crianza) e Gran Reserva (máis de 30 meses de crianza).

Sumarroca, o valor da innovación

A unión de tradición familiar e innovación converteu a adega Sumarroca nunha das máis importantes do país. Dende 1983 a familia Sumarroca esfórzase por conseguir viños e cavas de gran personalidade e carácter.

A adega está inmersa nun interesante proxecto de investigación sobre o desenvolvemento da viña. Carles Sumarroca, en colaboración coa Universidade Rovira &Virgili de Tarragona iniciou un estudo experimental de 360 variedades de viñas procedentes de todo o mundo para identificar o seu ADN e conseguir así o viño de mellor calidade.

ENDEREZOS

YSIOS
Camino de la Hoya, s/n. 01300 Laguardia (Álava) Tel.: 945 600 640. E-mail: ysios@domecqbodegas.com

BODEGAS TRADICIÓN
Plaza Cordobeses, 3. 11408 Xerez da Fronteira, Cádiz. Tel.: 956 168 628. E-mail: edavis@bodegastradicion.com 

MARQUÉS DE RISCAL
Calle Torrea 1. 01340 Elciego, Álava. Tel.: 945 606 000. E-mail: marquesderiscal@marquesderiscal.com

SEÑORÍO DE ARINZANO
Carretera Estella-Tafalla, N-132, km. 3. Aberin 31264. Tel.: 948 5525 285. E-mail: info@bodegaschivite.com 

FREIXENET
Joan Sala, 2. 08770 Sant Sadurni d'Anoia. Barcelona. Tel.: 938 917 000.

VEGA SICILIA
Carretera N-122, Km. 323, Finca Vega Sicilia, 47359 Valladolid. Tel.: 983 680 147. 

TORELLO
Can Martí de Baix@. Apdo. n.º. 808770 San Sadurní d'Anoia, Barcelona. Tel.: 938 910 793. E-mail: torello@torello.es

SUMARROCA
El Rebato s/n. 08739 Subirats, Barcelona. Tel.: 938 911 092. E-mail: sumarroca@sumarroca.com