Repsol

Valencia, rumbo á modernidade


Valencia é hoxe símbolo de cambio. O seu salto á modernidade logrouse sen traizoar as súas raíces e conseguiu converterse nun dos destinos turísticos máis apetecíbeis. O deseño e os equipamentos culturais de primeira liña danse a man co sol, co mar e coa boa comida de sempre.

 

Primeira mañá 

10.00 h - A Cidade das Artes e das Ciencias, a nova icona

O primeiro que hai que saber de Valencia é que, aínda sendo unha gran cidade, está moi ben comunicada con transporte público. Mesmo existe a Valencia Tourist Card que, por 16 € e durante 48 horas, ofrece transporte público urbano e descontos en museos, ocio, tendas e restaurantes concertados. 

Sabendo isto, se non imos en coche, podemos coller os autobuses 19, 35, 95 ou 40 e empezar a nosa visita pola parte máis nova e impresionante da cidade. Inaugurada hai pouco máis de dez anos, a Cidade das Artes e das Ciencias é un conxunto de edificios (Hemisfèric, Umbracle, Museo das Ciencias Príncipe Felipe, Oceanogràfic e Palau de les Arts Reina Sofía) deseñados por Santiago Calatrava e Félix Candela que emerxen ao final do río Turia para orgullo de todos os valencianos. No pouco que leva en pé, converteuse no indiscutíbel novo símbolo da cidade. Se non temos á man a cámara de fotos será un erro imperdoábel. 

Completando a oferta cultural e científica, a zona está equipada con varios parques, xardíns e zonas deportivas que nos invitan a tomar a visita con tranquilidade. Botar unha ollada ás especies vexetais autóctonas valencianas (xara, romeu, lavanda, madreselva, buganvílea...) que hai no Umbracle (un miradoiro axardinado dende o cal se ve todo o complexo) e contemplar o enorme péndulo de Foucault de 30 m de lonxitude e 170 kg de peso que hai no Museo das Ciencias son dúas actividades que non debemos perder. 

O Oceanogràfic é outra das estrelas do conxunto e, sen dubidalo, merece que lle dediquemos as nosas seguintes dúas horas.

 

12.00 h - O Oceanogràfic, a xoia da Cidade das Artes

O Oceanogràfic merece unha visita completa. Os seus 110.000 m2 convérteno no máis grande de Europa. Nel poderemos gozar dos principais ecosistemas mariños do planeta e de 45.000 exemplares de 500 especies diferentes. Aquí poderemos ver delfíns, morsas, leóns mariños, focas, pingüíns, quenllas, raias, peixes serra ou medusas. O seu deseño -de gran tamaño e sen barreiras visuais- é realmente espectacular.

No seu interior, encontramos un dos restaurantes máis vangardistas da cidade, o restaurante Submarino (tel.: 961 975 656). Aquí poderemos comer uns excepcionais raviolis de changurro con gambas no seu zume e salsa de limón baixo unha espectacular lámpada que emula un banco de medusas e rodeados de 10.000 peixes. É simplemente espectacular.

 

Primeira tarde 

14.00 h - Paella con vistas

Despois de dedicar a primeira mañá á Cidade das Artes, volveremos ao núcleo urbano de Valencia. Alí, dirección ao mar, enfilamos a rúa Menorca ata a avenida de Los Naranjos e de aí baixamos ata a praia da Malvarrosa. Cunha lonxitude dun quilómetro, é a praia urbana por excelencia e a súa ampla superficie de area fina está flanqueada por un paseo marítimo cheo de restaurantes e cafetarías. 

Antigamente era case exclusivamente territorio de pescadores. Co paso do tempo, foise convertendo nun lugar de descanso da burguesía valenciana e de personaxes ilustres como Blasco Ibáñez ou Joaquín Sorolla. Co recordo fresco do visto ata agora, será o lugar perfecto para tomar un respiro e sentar a comer unha paella en La Pepica (Paseo Neptuno, 2) que, con máis de cen anos de historia, goza dunha merecida fama entre os restaurantes valencianos. 

Se o día é soleado, non dubidemos en pedir unha mesa na terraza; estaremos mellor e gozaremos das privilexiadas vistas ao mar, como no seu día o fixeron Hemingway, Orson Wells ou Ava Gardner, será todo un luxo. 

Na mesma rúa Neptuno, no número 16, encontraremos outra xoia gastronómica: o restauranteL'Estimat, onde nos ofrecen unha carta con máis de 15 arroces diferentes, ademais da súa especialidade: all i pebre de anguías e cabaza asada con noces e mel.

 

16.00 h - Entre o centro e o mar

Xa que comemos na Malvarrosa, podemos dar un paseo para botar unha ollada ao novo porto deportivo de Valencia, que é a envexa do Mediterráneo. Este porto remodelouse por completo para acoller a Copa América de Vela en 2007 e agora, quedou como un dos lugares de ocio e diversión da cidade. Ademais, este lugar xa se incluíu nas guías turísticas de última xeración, aínda que só sexa para ver algunhas das xoias arquitectónicas que aquí se encontran. Tras a remodelación do edificio de Alfándegas e os almacéns, destaca sobre todo o edificio Veles i Vents, deseñado conxuntamente polo arquitecto David Chipperfield e o estudo barcelonés b720, toda unha marabilla.

Outra opción é xa dirixirse ao centro da cidade e descubrir o moito que agocha. Para empezar, e antes de meternos de cheo no fervedoiro das canellas, poderiamos dar un paseo polos Xardíns do Turia. Este pulmón verde invita a tomar as cousas con calma e é ideal para ir en familia. Aquí encontraremos instalacións deportivas, pistas de patinaxe, un trenciño, circuítos para bicis e, para os máis pequenos, o Parque Gulliver: unha orixinal área de xogos presidida por unha figura xigantesca do personaxe creado por Jonathan Swift. Tendido e atado no chan como no relato orixinal, o pelo e as dobras da súa roupa convértense en tobogáns e os nenos que xogan neles, nos ananos da historia. 

 

18.00 h - Compras tradicionais 

Tras coller aire nos xardíns, xa podemos somerxernos no corazón da cidade. Perdernos polas rúas do centro histórico levaranos a recantos como a tranquila e agradábel praza da Virxe, agochada detrás da catedral. Tamén podemos dar unha volta por rúas como Roger de Lauria, Correos, Barcas, San Vicente Mártir ou Poeta Querol, onde encontraremos unha morea de tendas dedicadas á venda de artesanía e de antigüidades cheas de rarezas e exquisiteces inesperadas. Os abanos pintados á man e feitos con varas de marfil tallado ou madeiras exóticas son algúns dos artigos estrela da artesanía local. Tampouco debemos esquecer a porcelana nin os típicos traxes de valenciana con refinados bordados. E xa que estamos por aquí, non podemos marchar sen pisar a orchatería chocolatería Santa Catalina (Praza Santa Catalina, 6) e tomar unha orchata e uns fartones nun dos locais máis típicos da cidade, que no seu día chegou a frecuentar a infanta Isabel. 

 

20.30 h - Final de festa

A xornada foi máis que completa, pero aínda temos que cear e tomar unha copa na imprescindíbel noite valenciana. Se queremos ir a un dos restaurantes con máis tradición, teremos que ir á zona de Russafa e pedir mesa no Morgado (recomendado por Guía Repsol) (Reina Doña Germana, 4, tel.: 963 733 508). O rabo de touro estufado ou as moegas de cordeiro con cogomelos e allos tenros deixarannos asombrados e a punto para o que virá despois.
 
Non lonxe do Morgado, encontraremos outra opción extraordinaria: trátase do restaurante Riff (galardoado cun sol de Repsol). Aquí probaremos a cociña creativa con pratos de nomes tan suxestivos como o ovo escalfado con pemento de La Vera e coliflor, o arroz con aire de ourizo de mar e o consomé de piña asada con coco e améndoas.

Para rematar a noite, propoñemos desprazarnos ata o porto e meternos nalgún dos moitos bares e discotecas da zona, como o The Class (Santa Teresa, 2), o Gabbana Beach (Paseo Neptuno, 30) ou Las Ánimas Puerto -onde presumen de servir os mellores cócteles da cidade-, tamén no Paseo Neptuno. En todos eles, encontraremos boa música e diversión asegurada ata altas horas da madrugada. 

A outra opción nocturna encontrarémola no barrio de El Carmen, unha das zonas de copas por excelencia da cidade. Destacan algúns locais clásicos como o Fox Congo -música soul, pop e funky- ou o Johnny Maracas, só para amantes da salsa. Os dous abren as súas portas na rúa Caballeros, onde tamén se encontra o Borgia, unha tetería decorada ao máis puro estilo tunisiano.

 

Segunda mañá 

10.00 h - La Seu, a catedral de Valencia

Empezamos o noso segundo e último día en Valencia visitando a catedral, coñecida popularmente como La Seu. O templo está dedicado a Santa María por desexo de rei Jaume I e álzase sobre os restos da antiga mesquita. As súas tres portas principais son de estilos diferentes (románico, gótico e barroco) e o seu campanario octogonal. El Miguelete é o emblema da cidade. Elévase a unha altura de 50,85 metros, medida que coincide coa do seu perímetro. O esforzo de subir os 207 chanzos que levan cara ao seu punto culminante vese sobradamente compensado por unhas espléndidas vistas sobre a cidade. Do seu interior non podemos perder as pinturas do Quattrocento, que chegaron de Roma grazas ao papa valenciano Alejandro VI.

Na mesma praza da Virxe, destacan a basílica da Virxe dos Desamparados, e moi preto, o Real Convento de Santo Domingo. Este convento foi construído pola orde dos dominicanos no século XIII, coa aprobación do rei Jaume I. Na zona histórica de Valencia, é posíbel encontrar outras igrexas de interese, entre as que destacan as de Santa Catalina, San Nicolás e San Martín. 

 

12.00 h - A Lonxa da Seda

A cinco minutos da catedral encontramos outro lugar de visita obrigada: a Lonxa da Seda, situada na céntrica praza do Mercado. Levantada a finais do século XV, esta obra mestra do gótico civil valenciano é, dende 1996, patrimonio da humanidade. No interior do edificio, áchanse verdadeiros tesouros, como o monumental salón das columnas, a torre grande central e a sala de xuntas do Consulado do Mar.

Pola súa banda, no pórtico da entrada, chamado o Portal dos Pecados, encontramos varias figuras que representan os pecados orixinais do home. Na torre sitúase o calabozo no que se encerraba os ladróns de seda e os mercadores pouco honrados ata que as autoridades facían a súa aparición. A entrada é gratuíta e os sábados e os domingos pechan ás 13.30 h. É unha visita que paga a pena.

 

Segunda tarde 

14.00 h - Comendo no centro

Son as dúas e o estómago empeza a queixarse. Se queremos darnos unha homenaxe, o mellor será ir ata a praza Horno de San Nicolás (case tocando á Lonxa) e sentarnos a gozar dos mariscos do San Nicolás. O peixe de rocha con papillote de verdura do tempo e o rancho de abordo con peixes do litoral ben merecen que rasquemos un pouco a carteira. Non nos arrepentiremos.

Outra opción, pola mesma zona é A Taberna de Marisa (Caballeros, 47), un local vangardista con boas tapas, onde encontraremos ovos estrelados, carne de boi á pedra ou chocolate en tres texturas. Outro restaurante a destacar é El Tossal (Quart, 6), onde poderemos probar cociña de mercado con bos arroces e orchata en texturas. 


16.00 h - Paseo musical

Saímos do centro para encarar o final da nosa curta pero intensa estadía en Valencia. Cruzamos o río e camiñamos polo Paseo da Alameda ata encontrar o Palau de la Música. Aínda que cedese o protagonismo musical ao Reina Sofía da Cidade das Artes e das Ciencias, este edificio segue sendo un dos máis emblemáticos da cidade. Inaugurado en 1987, está situado xunto ao Xardín do Turia e a súa acústica foi unanimemente eloxiada. De feito, está considerado un dos auditorios máis importantes de Europa.

A transparencia é unha das súas principais características. Unha gran bóveda acristalada paralela ao leito do río Turia serve de acceso principal, integrada á perfección no ámbito axardinado que a rodea, que foi deseñado polo arquitecto español Ricardo Bofill. A luz e a harmonía exteriores trasládanse ao interior a través do cristal, creando un ambiente cálido. Tras cruzar o enorme vestíbulo, accédese ás distintas salas de concerto. De noite, cando se ilumina, é realmente precioso.

 

18.00 h - Despedida falleira

Marchar de Valencia sen ulir as fallas en ningún momento tería sido un pecado. Así que propoñemos pasar o noso último anaco na cidade visitando o Museo Falleiro (situado xusto en fronte do Palau de la Música, pero ao outro lado do río), onde se expoñen ao público todos os ninots que foron indultados durante as fallas. O museo acolle ninots dende 1934, así que resulta curioso ver a evolución tanto dos materiais utilizados (do cartón ao poliéster), coma do deseño das figuras.
Ademais desta exposición, tamén podemos ver diferentes carteis que formaron parte da historia das fallas, así como fotografías e demais elementos relacionados con este universo á parte. Será unha despedida moi valenciana que pagará a pena. 


 

Sexas como sexas, temos un plan para ti

Para os sofisticados

Valencia, co (IVAM) Instituto Valenciano de Arte Moderna, ocupa un dos primeiros lugares no panorama da arte contemporánea española. Dispón de nove galerías que inclúen as coleccións permanentes de Julio González e Ignacio Pinazo e albergan outras exposicións temporais de pintura, fotografía e arte moderna, dende as vangardas de comezos de século ata a actualidade.


 

Para gozar do relax

O Spa Las Arenas (Eugenio Viñes 22, tel.: 963 120 600), situado no interior do hotel Las Arenas, recolle a tradición do histórico balneario que o precedeu. Recomendado para mentes e corpos estresados, este exclusivo balneario ofrece unha amplísima variedade de tratamentos e terapias de prezo e calidade acordes co lugar. 

 

Para os máis aventureiros

A 40 minutos en coche de Valencia, encóntrase a vila de Venta del Moro Hoces del Cabriel. Aínda que poida parecer lonxe, desprazarnos ata alí será a mellor elección para gozar dunha completa xornada de aventuras (ráfting, paintball, canoas, piragüismo, mergullo, vela, etcétera). A xente de Ruting (tel.: 620 264 263) encargarase de todo o que faga falta.

 

Para amigos

Se queres pasar unha noite excitante e divertida cos amigos, non deixes de ir á nova discoteca L'Umbracle (Cidade das Artes e das Ciencias), un local moi ben decorado, con bo ambiente, música agradábel sen veciños aos que molestar. 

 

Para familias

El Bioparc Valencia (Avda. Pío Baroja, 3, tel.: 902 250 340) é un zoolóxico sen barreiras, ideal para visitar cos máis pequenos. Sen reixas nin gaiolas, recrean o hábitat natural dos animais, dos que nos separan mediante fosos ocultos á vista, regatos ou cristais. É unha visita realmente imprescindíbel para ir en familia.

 

Agradecementos: © Agència Valenciana del Turisme. Comunitat Valenciana. Turismo de Valencia. Concello de Valencia.