Repsol

Òdena, a aventura de voar


Participar nas manobras de inflado e despegue dun globo aerostático, deixarse levar polo vento nun ultralixeiro ou voar a motor executando manobras acrobáticas, son algunhas das posibilidades que ofrece o aeródromo de Òdena. Esta poboación da provincia de Barcelona é un dos centros de actividades aéreas máis importantes da Península; é unha verdadeira festa do aire.

O Aeródromo General Vives converte a tranquila poboación de Òdena, a unha hora en coche de Barcelona, nun centro de interese para os amantes dos deportes aéreos ou, sinxelamente, para aqueles que desexen gozar dunha xornada inesquecible, sobrevoando monumentos naturais tan espectaculares como as montañas de Montserrat. 

A moitos pés do chan, as distancias acúrtanse e é posíbel percorrer toda a bisbarra do Anoia, coñecer o seu pasado e a súa historia a través da lente da cámara fotográfica. Deste modo, obtéñense panorámicas a vista de paxaro de localidades próximas como Igualadae Capellades. Os afeccionados ao voo teñen unha cita ineludíbel en primavera, cando se celebra Aerosport, Festival de Aeronáutica de Òdena. Polo demais, todo o ano é bo para voar, grazas ás excelentes condicións climáticas da zona.     

 

Bautizo de voo en globo   

Situado entre os termos municipais de Igualada e Òdena e xusto ao lado da NII, ata que non se completa a ampliación, o aeródromo General Vives ocupa unha superficie de 33,8 hectáreas e ten unha pista de 900 metros de longo e 15 metros de anchura. Prevese que dentro de tres anos deixe ser exclusivo para naves lixeiras e dispoña dunha pista de 1.800 metros que permita a aterraxe de jets privados. Mentres tanto, é idóneo para estrearse no mundo do aire cun voo en grupo ou outros máis exclusivos en globo aerostático. Primeiro particípase nas tarefas de preparación do despegue e ao final bríndase con cava. Ideal para o voso bautizo de voo.         

 

A experiencia de planear en ultralixeiro   

tamén dentro das instalacións do aeródromo General Vives ten a súa sede o Club de voo a vela Igualada-Òdena. Esta é unha modalidade moito máis excitante para os que buscan emocións fortes, xa que depende do bo aproveitamento das correntes de aire quente ascendente; é todo un reto de habilidade. O voo sen motor pódese practicar en solitario ou, se se carece de experiencia, existe a opción de copilotar un ultralixeiro e gozar da sensación de planear, moi distinta da sensación do voo con motor. Os sábados e domingos son os días previstos para realizar un primeiro voo de proba acompañado. O resto de días pódese solicitar un voo á medida con ou sen motor.

 

Restos medievais en Òdena  

A poucos minutos do aeródromo e co macizo de Montserrat como pano de fondo, a poboación de Òdena é unha vila tranquila na que moitos buscan xuntar a paz do campo coa proximidade dunha gran cidade como Barcelona. No alto dun montículo levántase a torre octogonal do antigo castelo de Òdena, que vixía o sobrevoo dos avións rodeado de campos de cultivo e vides. Dentro da vila, destacan a moderna igrexa de Sant Pere e a románica de Sant Miquel, con máis encanto. 

 

Suxestión gastronómica

Entre os produtos gastronómicos da bisbarra resultan excepcionais os "garbancitos de la Alta Anoia", unha variedade moi saborosa. O viño de mel de Vallbona de l'Anoia tamén é apetecíbel, así como o mel en estado puro de Castellfollit, Piera, Els Prat de Rei ou Vilanova del Camí. A media hora de Òdena, en Sant Sadurní d'Anoia, A cava d'en Sergi (c/ Valencia, 17, telf.: 938 911 616) é unha boa opción para gozar coa boa cociña de tempada. Máis preto de Òdena, a masía restaurante Samuntà (estrada C-241 a Finca Pau Magí, km 70,5, Òdena, teléfono: 938 041 501) goza dunha extensa carta de viños, con máis de setenta referencias.

 

Agradecementos: Aeródromo General Vives. Globus Kon-Tiki. Consell Comarcal de l'Anoia. Ajuntament d'Igualada. Club de Vol a Vela d'Igualada-Òdena.