Repsol

Repsol YPF


Alrededores

Fortalezas na zona levantina

Levante é terra de castelos e fortalezas que contan cun estilo único, froito da convivencia de dúas culturas, a árabe e a hispana. Rescatamos da historia os edificios que hoxe son visitados e que antano serviron para defender comarcas como a do Castelo de Santa Bárbara en Alacant, A Torre de Calahorra en Elx, o Castelo de Sagunto e o de Peñíscola

Santa Bárbara, en Alacant

imagen

Sobre unha mole rochosa de 166 metros de altitude, observa o horizonte o Castelo de Santa Bárbara. Neste enclave único, non só o recinto fortificado ten moreas de batallas que contar. Nas ladeira do promontorio, chamado Banu-lQatil polo xeógrafo musulmán Al-Idrisi, do século XII, atopáronse restos arqueolóxicos da Idade do Bronce, ibéricos e da época romana. A fortaleza, non obstante, data do século IX, época de dominación musulmá. O 4 de decembro do ano 1248, día de Santa Bárbara, e de aí o nome, o infante Afonso de Castela, futuro rei Afonso X O Sabio, arrebatou este emprazamento estratéxico aos musulmáns.

O castelo divídese en tres recintos. O primeiro é o máis elevado e posúe os vestixios máis antigos da fortificación. Este espazo é coñecido co nome de La Torreta, por estar situada nel a Torre da Homenaxe. En La Torreta hai importantes dependencias, coma o parque de enxeñeiros, o antigo hospital, a casa do gobernador e a antiga fortaleza, situada na explanada máis elevada, coñecida como Macho del Castillo. 

No recinto intermedio están as instalacións máis fastosas, froito dunha remodelación concluída no ano 1580, coma o Salón Felipe II, o antigo Corpo da Tropa fronte ao amplo Patio de Armas, as ruínas da ermida de Santa Bárbara ou o Baluarte da Raíña. 

No terceiro recinto está o Revellín del Bon Repós, onde se atopa o monumento ao militar alacantino Félix Berenguer de Marquina. 

A Torre de Calahorra, en Elx

imagen

No interior do núcleo urbano da cidade, situada entre a praza de Santa Isabel e a rúa Uberna, está a singular torre fortificada de Calahorra. É de orixe árabe, a súa construción data do século XII e pertencía á antiga muralla de Elx. No século XV construíuse un edificio anexo, que consta de soto e dúas plantas, un almacén de trigo que acabou sendo usado como almudín, casa pública destinada á compra e venda de trigo. Hoxe en día alberga a Subdelegación do Goberno da Generalitat.

Castelo de Sagunto

imagen

 Nun privilexiado promontorio que domina o Mediterráneo está a fortaleza de Sagunto, un impresionante castelo composto por sete recintos cos seus respectivos nomes: a Almenara, o Albacar, o Patio de Armas, a praza dos Estudantes, a de San Fernando, a Cidadela e a Barranía. 

É especialmente interesante a praza de armas, onde se conservan os vestixios máis importantes das construcións romanas anteriores á dominación musulmá e castelá, coma o foro municipal, unha cisterna tallada na roca, as cimentacións da basílica, outros restos de edificios relixiosos e a praza pública. 

Castelo de Peñíscola

imagen

 O castelo de Peñíscola reflicte nas súas brancas paredes a luz do sol. Situado no alto dunha pequena península, o punto máis elevado da cidade, o castelo reflicte tamén toda a intelixencia musulmá na construción de inexpugnábeis fortalezas. De planta cadrada, o castelo conta con cinco torres da mesma forma na base. 

Xaime I arrebatou a praza aos musulmáns en 1233 para, posteriormente, ser cedida aos templarios. A enigmática orde acometeu unha profunda remodelación da estrutura e unha refortificación cuxo resultado é a silueta definitiva do castelo. No ano 1411, o Papa Luna estabeleceu alí a súa residencia. As dependencias do pontífice están perfectamente conservadas.