Repsol

Praia Grande, no animado Puerto del Carmen


Este porto de pescadores converteuse, co paso dos anos, nunha das zonas turísticas máis importantes de Lanzarote. Para moitos viaxeiros, Puerto del Carmen e as súas praias, entre as que destaca praia Grande, son o primeiro contacto coa illa.

Esta é unha opción ideal para aqueles aos que lles guste gozar duns días de sol e mar, rodeados de servizos e comodidades. Puerto del Carmen encóntrase a apenas dez minutos en coche do aeroporto de Arrecife, por onde chega practicamente todo o turismo a Lanzarote

Praia Grande, como o seu nome indica, é a máis extensa de Puerto del Carmen. Conta con máis de seis quilómetros de litoral, apenas salpicado por algúns obstáculos rochosos. Polo tanto, aquí non hai ningunha dificultade para encontrar o mellor lugar e aproveitar a fondo as horas de acción do suave e relaxante sol invernal.

Ao igual que nas praias de Pocillos e Matagorda, a area de praia Grande é fina e dourada, algo que por estas zonas non é moi habitual. É unha praia urbana unida ao paseo marítimo, o que facilita o acceso tamén en casos de persoas con mobilidade reducida. Nos últimos anos, converteuse nunha das praias máis visitadas de toda a illa. 

 

Unha cidade activa e pensada para a familia

Pola noite, a principal actividade dos visitantes é pasear polas rúas do animado Puerto del Carmen e pescudar entre as súas tendas de roupa, artesanía e recordos tradicionais canarios. Esta zona de Lanzarote caracterízase por potenciar o turismo familiar. Os hoteis e os parques de ocio están pensados para que os nenos non se aburran. Unha das atraccións máis interesantes é o parque temático Rancho Texas Park, que conta cunha colección de animais norteamericanos (bisontes, pumas, etc.) e ofrece espectáculos de lazo vaqueiro ou actuacións de baile country.

 

Cetáceos en Puerto Calero 

Puerto Calero, ao sur de Puerto del Carmen, é unha zona de turismo de calidade. O edificio do antigo varadoiro, no porto deportivo, transformouse no Museo de Cetáceos de Canarias. É unha boa iniciativa para saber máis sobre a vida destes mamíferos dende un enfoque interactivo. Alí pódese facer o que nunca deixan nun museo: tocar ósos e dentes, mesmo barbas de balea, oír o son dos delfíns e apreciar as reproducións a tamaño real. Trátase dunha visita especialmente recomendábel para as familias.

No mesmo Puerto Calero está un dos mellores restaurantes de Lanzarote: Amura (1 Sol de Repsol (tel.: 928 513 181). Hai poucas cousas máis saborosas na illa que probar a súa terrina de foie con cherne afumado mentres se goza dunha ampla vista sobre os veleiros amarrados na mariña. En  La Cañada, en Puerto del Carmen (tel.: 928 510 415) a especialidade son as carnes á brasa.