Relajado
Joven
Familia
Cosmopolita
Destinos románticos, sentimentos a flor de pel
1. O castelo de El Buen Amor, en Salamanca
Existe todo un xénero literario dedicado ao amor cortés e ás loitas dos cabaleiros medievais en defensa da súa dama. Unha visita ao castelo de El Buen Amor e ás terras salmantinas que o rodean invitan a recuperar unha época chea de romanticismo en pleno século XXI.
A lenda popular asegura que a fortaleza se bautizou, alá polo século XV, como de "El Buen Amor" ao converterse en propiedade do arcebispo de Santiago, don Alonso de Fonseca, e a súa amante, dona María de Ulloa. Non obstante, estudos recentes descubriron que esta primeira hipótese non é de todo correcta: foi o bispo de Cuenca, Ávila e Osma, do mesmo nome, o habitante desta romántica morada. Iso si, xunto á súa amante, Teresa de las Cuevas e os catro fillos da relación.
¡Vive a túa lenda medieval en terras salmantinas!

2. O esplendor de Córdoba no hotel Hospes Palacio del Bailio
A beleza do centro histórico de Córdoba, presidido pola mesquita-catedral, invita ao ensimesmamento e a gozar dunha atmosfera doutros tempos. Devolve ao viaxeiro á época do califato, unha era de cultura, luz e romanticismo. O hotel Palacio del Bailio fai xustiza a este ambiente.
O hotel Hospes Palacio del Bailio é o único cinco estrelas da provincia de Córdoba e foi declarado ben de interese cultural.
¡Non podes perder o encanto deste pazo!

3. Cabanas do Lago de Sanabria, en Zamora: amor natural
Unha escapada romántica non ten por que ser sempre unha reunión á luz das candeas. Cada vez máis, tamén hai quen considera o colmo da felicidade poder compartir coa súa parella a visión dunha paisaxe marabillosa. A tranquilidade, o silencio e a natureza é o que fai a este lugar especial. Neste sentido, a estancia nas Cabanas do Lago de Sanabria roza a perfección.
Unha feliz parella anícase mentres contempla a natureza no soportal dunha pequena casa de madeira. Esta é, sen dúbida, unha imaxe de película, e é, tamén, unha das moitas posibilidades que ofrecen as Cabanas do Lago de Sanabria.
Ven visitar en boa compañía esta marabilla da natureza!

4. Hotel Cerro Príncipe, en La Garrovilla (Badaxoz), onde a estrela é o jazz
A música de Billie Holiday, Ella Fitzgerald ou Duke Ellington pode ser a banda sonora perfecta para unha saída romántica. Máis se o escenario é unha antiga casa de labranza situada nunha pequena vila da provincia de Badaxoz. O hotel Cerro Príncipe é ese escenario.
Está claro que aos propietarios do hotel Cerro Príncipe, Pepe e Lola, encántalles o jazz. Por un lado, os cuartos levan o nome de grandes artistas deste xénero musical: Billie Holiday, a preciosa suite Charlie Parker con dosel na cama, Miles Davis, Ella Fitzgerald, Chet Baker, Duke Ellington, Louis Armstrong... Por outro, a súa paixón lévaos a organizar de cando en vez veladas con música en directo.
¡Fai clic e síntete como unha estrela do jazz!

5. Un cabazo de luxo na Quinta de San Amaro (Pontevedra)
As Rías Baixas sempre tiveron algo de misterioso. É coma se o clima neboento e húmido que as caracteriza non fose máis que un engano para agochar os seus segredos a ollos dos estraños.
A Quinta de San Amaro, en Meaño, é un deses segredos, un espléndido hotel digno de figurar en todas as guías. Dende onde se contemplan as viñas, as ermidas e as casas antigas de Meaño sen que nada estorbe á vista. O conxunto hoteleiro está distribuído en tres edificios de pedra, onde o hórreo (o celeiro tradicional en Galicia, Asturias e Cantabria) é a estrela.
Aquí encontrarás moitos máis detalles!

6. O recanto máis bonito de Barcelona: o hotel Neri
Antes de que derrubasen as murallas que oprimían Barcelona, o barrio gótico era un enxame de vías insalubres e caóticas, cheas de xente. Hoxe, paseando polas súas rúas, contémplase unha beleza e unha tranquilidade que só rompen algúns turistas que buscan o recanto perfecto.
A praza de Sant Felip Neri é serio aspirante a este título. Forma parte do call, o antigo barrio xudeu de Barcelona e só se pode acceder a ela por dúas canellas que saen da rúa de El Bisbe, onde está a entrada ao claustro da catedral.
¿...listo para descubrir este recanto perfecto?

7. A esencia da Sevilla flamenca en La Casa del Maestro
Certamente, Sevilla ten un feitizo especial e hai moitas formas de descubrilo. Unha é a través dun dos seus barrios máis populares, o de Santa Catalina. Alí, en 1904, naceu Manuel Serrapí Sánchez, coñecido polos entendidos do flamenco como "Niño Ricardo, el Maestro,".
A súa casa natal é agora un delicioso hotel que permite coñecer sen présas o mellor da cidade. Sevilla honra así a este guitarrista que, entre outras cousas, compuxo "El emigrante", canción que alcanzou un grande éxito na voz de Juanito Valderrama.
¡Goza do almorzo na azotea con vistas á Xiralda!

8. Hotel Valdepalacios, en Toledo, unha atención de cinco estrelas
Unha mansión do século XIX situada no medio dunha devesa de 600 hectáreas salpicada de aciñeiras: ese é o envoltorio que ofrece o hotel Valdepalacios, a medio camiño entre Castela e Estremadura.
Un lugar no que os seus hóspedes se consideran afortunados e as boas vibracións percorren todo o lugar. Conta con 29 espazosos cuartos, o máis grande ten 80 metros cadrados. Todos están decorados de xeito diferente, pero cun estilo luxoso e romántico sen chegar a ser ostentoso.
Cuartos con vistas ao lago, paseos en coche de cabalos... ¡A túa visita perfecta!

9. Valldemossa, en Mallorca. Tras o mito de Chopin e George Sand
Poucos escenarios poden presumir de teren sido fonte de inspiración para un dos grandes músicos da historia. A cartuxa de Valldemossa si que pode facelo. Foi refuxio de Federico Chopin e da poetisa George Sand, que viviron unha intensa relación. Aquí o xenial pianista compuxo boa parte dos seus Preludios.
"Todo o que o poeta e o pintor poden soñar, a natureza creouno neste lugar". Así se expresaba Aurora Dudevant, nome real da poetisa George Sand, ao referirse a Valldemossa. Sand chegou a Mallorca no inverno de 1838. Acompañaba ao seu amor, o célebre pianista polaco Federico Chopin.
¡Visita un lugar cheo de encanto capaz de inspirar a un gran músico!

10. A península de Getaria como fondo: hotel Iturregi
Converter un casarón nun hotel de catro estrelas sen que perda a súa esencia ten mérito. Unha vez conseguido, para os hóspedes o máis doado é deixarse levar polo seu encanto. Con vistas ao famoso Rato de Getaria, o hotel Iturregi sabe como seducir os seus visitantes.
O hotel Iturregi consta de seis cuartos amplísimos e dúas suites. Cunha decoración diferente en todos os cuartos, faise difícil discernir por que non todos son suites. A luz natural, a luminosidade na decoración e os espectaculares cuartos de baño son o que dan categoría de luxo ao estabelecemento.
¡Pérdete entre as viñas do prezado txacolí!
Agradecementos: © Castelo de El Buen Amor. Turismo de Salamanca. Turismo Andaluz. Hotel Hospes Palacio del Bailio. Parque Natural del Lago de Sanabria. José Antonio Gil Martínez. Josu Orbe. Alex Slocker. Turismo de Zamora. Concello de Mérida. Hotel Cerro Príncipe. Quinta de San Amaro. J. L. Oubiña. Concello de Meaño. Ría de Arousa. Turisme de Barcelona. Hotel Neri. Casa de El Maestro. Padroado Alcázar de Sevilla. Josep Maria Pons. Hotel Valdepalacios. Instituto de Promoción Turística de Castela-A Mancha. Cartuxa de Valldemossa. Hotel Iturregi. Concello de Zarautz. Concello de Getaria.