

Praias do Cabo de Roche, Cádiz
Un conxunto de praias onde destacan as súas calas, coñecidas polos súas incríbeis tardiñas.
Cada unha ten o seu encanto: por un lado a praia de Los Bateles, grande, familiar e cun paseo marítimo espectacular polas súas dimensións e a calidade da area. E por outro, a "xoia" da zona, a praia de Castilnovo. Considerado Lugar de Interese Comunitario, é un lugar natural con acceso a pé na desembocadura do río salgado.

Dénia, Alacant
Estas praias e calas imprimen beleza. Todas elas posúen certificacións internacionais en xestión de calidade e ambiental; unha auténtica garantía nos servizos que se ofrecen.
Ademais, na costa dianense é posíbel encontrar numerosas microrreservas de flora. Destaca por exemplo a Reserva Mariña do Cabo San Antonio, área protexida que posúe un ecosistema de alto valor natural.

Cala Estreta, Palamós, Girona
Unha moi bonita cala, ideal para fondear embarcacións e gozar da transparencia das súas augas.
O acceso é difícil porque o camiño á praia faise a pé (no verán está prohibido circular en coche). Isto dótaa de certa privacidade e quizais por iso é a favorita dos practicantes do nudismo. A beira é moi estreita - de aquí o seu nome - e en moitos tramos non supera os dous metros.

Praia Macarella, Menorca
Nunha área densamente boscosa eríxese esta praia virxe que é orgullo dos menorquinos e puro gozo para os seus visitantes.
As súas augas cristalinas son un verdadeiro pracer que invitan a descansar e deixarse levar. Como curiosidade, pódense visitar varias covas, unha na entrada da cala chamada "Es Castell de Macarella". A menos de 500 metros encóntrase a Macarelleta, igual de virxe, bonita e máis pequena.

Praia de Mataleñas, Santander
Praia de gran beleza, situada nas inmediacións da cidade de Santander, entre Cabo Menor e Cabo Mayor, ocupa unha cala ao abrigo de altos acantilados.
A pesar de encontrarse illada, adoita ter unha alta afluencia de público no verán. Conta con augas limpas e un agradábel paseo marítimo dende o que se aprecian unhas vistas inmellorábeis.

Praia de Mazarrón, Murcia
Moito sol, augas azuis, cálidas e tranquilas e unha meteoroloxía favorábel durante todo o ano fan de Mazarrón (Murcia) o lugar ideal para descansar, somerxerse nos seus fondos, perderse nas súas calas e sentir a emoción dos deportes náuticos.
O orixinal proxecto de praias temáticas ofrece: a praia de El Castellar, cunha zona infantil e actividades para o máis pequenos, a praia Deportiva para practicar fútbol e voleibol e La Isla, unha "biblio-praia".

Praia de Los Muertos, Almería
Situada na zona máis setentrional do Parque Natural Cabo de Gata - Níjar, é unha praia totalmente recta, como debuxada cunha regra.
Ten unhas vistas magníficas e a súa auga ofrece uns tons azuis cativadores. Ademais, hai un illote que é habitualmente usado por nudistas. O seu nome, segundo contan, ten que ver cos remuíños e coas correntes das súas augas.

Praia de El Papagayo, Lanzarote
Praia situada dentro do Monumento Natural de Los Ajaches. É unha gran cala de enorme beleza e abrigada polos paredóns do cantil que a rodean por ambos os dous lados.
Hai que ir ben preparado para pasar o día, porque se ben o acceso é fácil, ao estar apartada dos núcleos de poboación, dispón de poucos servizos.

Praia de Rodas, Illas Cíes
Esta praia une as illas de Monteagudo e do Faro do arquipélago das illas Cíes. Posúe unha area fina e branca, así como unhas augas cristalinas de cor esmeralda que deleitan a todo o que a visita e se anima a enfrontar o frío das súas augas.
Xunto a ela consérvanse zonas de dunas naturais que, actualmente, están en recuperación. Pódese pasar a noite nun idílico cámping, situado entre grandes piñeiros e cunha fermosa vista ao océano.

Praia Torimbia, Llanes, Asturias
É unha das praias máis salvaxes e bonitas de Asturias, tamén coñecida polo grande ambiente da xente que a frecuenta.
O acceso é un pouco complicado por ser un acantilado pero ao ver a praia dende o alto, calquera se anima ao descenso. A súa area branca achégalle un aspecto paradisíaco e a súa ondada faina ideal para practicar surf.
Agradecementos: © Parque Nacional das Illas Atlánticas. Turismo da Comunidade Valenciana. Consellería de Turisme de les Illes Balears e Antonio Garrido. Sociedade Rexional de Turismo do Principado de Asturias, Antonio Vázquez e Arnaud Späni. Padroado Municipal de Turismo de Conil de la Frontera. Oficina de Turismo de Canarias. Concello de Mazarrón. Arquivo Fotográfico Patronat de Turisme Costa Brava Girona e Francesc Tur. Padroado Provincial de Turismo de Almería.