Repsol

Cabanas do Lago de Sanabria, en Zamora: amor natural


Unha escapada romántica non ten por que ser sempre unha reunión á luz das candeas. Cada vez máis, tamén hai quen considera o colmo da felicidade poder compartir coa súa parella a visión dunha paisaxe marabillosa.

A tranquilidade, o silencio e a natureza é o que fai a este lugar especial. Neste sentido, a estancia nas Cabanas do Lago de Sanabria roza a perfección.

Unha feliz parella anícase mentres contempla a natureza no soportal dunha pequena casa de madeira. Esta é, sen dúbida, unha imaxe de película, e é, tamén, unha das moitas posibilidades que ofrecen as Cabanas do Lago de Sanabria

Conta, ademais, co aliciente de durmir nun contorno, o Parque Natural do Lago de Sanabria, na provincia de Zamora, onde se encontra o lago glaciar máis grande da península Ibérica, así como outros vestixios do fenómeno glaciar.

 

Unha natureza perfecta para ser fotografada 

Non fai falta ser un apaixonado da xeoloxía para gozar do parque. Andar polos sendeiros indicados, pasear á beira do lago, pescar troitas, montar en bicicleta ou, simplemente, deixar pasar as horas admirando a paisaxe son motivos abondo para gozar. 

Outra posibilidade é a de dedicarse á observación da fauna do ámbito natural. Seguramente, será moi doado poder ver corzos ou perdices en liberdade. A estancia no lago supón unha delicia para os afeccionados á fotografía, debido á abundancia de paisaxes cheas de encanto, tanto na proximidade do lago coma na parte máis montañosa.

Polo que respecta ao aloxamento, as cabanas de madeira son cómodas: dous cuartos, calefacción, salón-cociña, cuarto de baño, lavadora e enxoval. Iso si, en calquera circunstancia e independentemente da época do ano, é conveniente levar roupa de abrigo.

 

O fabóns, estrelas da gastronomía da terra 

Dentro e fóra dos límites do parque hai vilas que merecen unha visita: Mercado del Puente, Galende ou Pedrazales. Por outra parte, sería unha mágoa visitar estas terras e non probar a súa gastronomía. Aínda que Sanabria está na provincia de Zamora e os alimentos son os propios de montaña, a proximidade con Galicia ofrece algunha sorpresa, como a especial preparación do polbo.

Así e todo, o produto típico da terra son os fabóns (habones), unha derivación aumentada do legume branco. Un bo lugar para probar esta cociña é o restaurante La Chopera, en Puente de Sanabria. Os seus pratos son auténticos reconstituíntes, cociñados ao xeito tradicional: a lume lento en cazola de barro, removendo de cando en vez co cullerón de madeira. En Puebla de Sanabria é de parada obrigatoria a PosadaReal de las Misas, onde catar os fabóns e os queixos da bisbarra.