Repsol

O recanto máis bonito de Barcelona: o hotel Neri


Antes de que derrubasen as murallas que oprimían Barcelona, o barrio gótico era un enxame de vías insalubres e caóticas, cheas de xente. Hoxe, paseando polas súas rúas, contémplase unha beleza e unha tranquilidade que só rompen algúns turistas que buscan o recanto perfecto. A praza de Sant Felip Neri é serio aspirante a este título.

A praza de Sant Felip Neri forma parte do call, o antigo barrio xudeu de Barcelona. Só se pode acceder a ela por dúas canellas que saen da rúa de El Bisbe, onde está a entrada ao claustro da catedral.

Hai que deterse a observar a fachada barroca da igrexa de Sant Felip Neri, ou a escoitar como cae a auga na fonte que ocupa o centro da praza. Faise difícil recordar que a apenas cinco minutos andando se encontran as Ramblas.

Para tirar proveito desta atmosfera atemporal, a mellor opción é o hotel Neri. Con entrada pola rúa de Sant Sever, ocupa o espazo dun antigo palacete do século XVIII que foi totalmente rehabilitado e renovado. Ao estar situado nunha zona peonil, só poden acceder os taxis, e non sempre, e os transfers, vehículos do hotel que enlazan directamente co aeroporto de El Prat.

 

Poder elixir as sabas onde durmir 

As cabeceiras dos 22 cuartos están presididos por cadros agrupados por temas: renacentistas na primeira, florais na segunda e perspectivas de horizontes na terceira. Os hóspedes dispoñen dunha curiosa e sorprendente carta de sabas e almofadas, e a posibilidade de recibir unha masaxe no cuarto. Dende a terraza téñense vistas á catedral e aos tellados do barrio gótico, unha vista privilexiada da cidade á que moi pouca xente ten acceso.

O restaurante e a biblioteca son outras das xoias do hotel. Nesta última hai unha coidada selección de revistas de deseño e tendencias, guías de viaxes e novelas dos mellores escritores cataláns. Todas estás lecturas teñen un único denominador: Barcelona.

O Neri coida tamén os sentidos do olfacto e do oído. Un aroma mestura de mimosa e lavanda fresca, exclusivo do hotel, envolve todas as estancias grazas a esencias, candeas e xabóns, ao igual que a suave música, relaxante e mestura das culturas que durante séculos habitaron o barrio.

 

Para coñecer un pouco mellor o centro de Barcelona 

Dende a praza de Sant Felip Neri pódense comezar varias rutas a pé para descubrir os puntos máis interesantes de Barcelona. Estamos moi preto da praza de Sant Jaume, coa casa do concello e o Palau de la Generalitat, a catedral ou o Museo de Historia da cidade. Cruzando a Vía Laietana, hai que facer un esforzo e visitar o concorrido Museo Picasso.

Despois de pescudar pola zona comercial de El Portal de l´Àngel e Portaferrissa, o percorrido pode rematar nun restaurante bonito e romántico. Els Quatre Gats destaca pola súa orixinal decoración modernista e a súa historia: foi un dos puntos de reunión dos intelectuais ao comezo do século XX. No Senyor Parellada pódese probar a mellor cociña tradicional catalá, como a escudella e a carn d'olla. Por outra parte, se se é devoto da cociña asiática ou se quere probar algo diferente, o restaurante Shunka (tel.: 934 124 991, restaurante recomendado por Guía Repsol) é o mellor xaponés da cidade.