As Rías Baixas sempre tiveron algo de misterioso. É coma se o clima neboento e húmido que as caracteriza non fose máis que un engano para agochar os seus segredos a ollos dos estraños. A Quinta de San Amaro, en Meaño, é un deses segredos, un espléndido hotel digno de figurar en todas as guías.
Dende a Quinta San Amaro
contémplanse as viñas, as ermidas e as casas nobres de Meaño sen que nada estorbe á vista. O conxunto hoteleiro está distribuído en tres edificios de pedra, onde o hórreo (o celeiro tradicional en Galicia, Asturias e Cantabria) é a estrela, e varias unidades de nova planta.
Recrea un ambiente clásico, combina con acerto elementos tradicionais de interiores e construción, con outros abertamente contemporáneos. Na súa decoración confortábel non hai lugar nin para as estridencias nin para os excesos rústicos.
Flores, aire puro, silencio e tamén intimidade é o que se sente en calquera dos 14 cuartos (o da última planta con terraza) dos que se compón o hotel. Descansar sen facer nada dende a piscina ou o solario, cando o tempo o permite, pode ser a actividade máis desexada, ou poñerse a ler un bo libro na preciosa biblioteca.
Rutas polos muíños e as adegas
Se se desexa algo máis de movemento, pódese realizar un paseo a cabalo pola proximidade, alugar unhas bicicletas de montaña ou practicar o sendeirismo por algunha das rutas promovidas dende o Concello de Meaño
. As máis concorridas son a ruta dos muíños de auga, a ruta do miradoiro de San Cibrán das Cobas e a ruta do viño, con visitas a 13 adegas da zona de Cambados. Meaño pertence ao val de Salnés, que forma parte da denominación de orixe Rías Baixas. O albariño, o mellor viño branco de Galicia, é o seu produto máis relevante.
Os responsábeis da Quinta de San Amaro son os primeiros que aconsellarán aos seus hóspedes que facer para aproveitar a xornada. Se acompaña o tempo, pódese acudir aos campos de golf de Meis
ou da Toxa
. Tamén existe a posibilidade de visitar a praia de Sanxenxo, a sete quilómetros do hotel. Pasear pola area aproveitando a marea baixa é unha sensación única.
Mergullarse no Grove
Tamén se pode practicar o mergullo na próxima vila do Grove. O Centro de mergullo Bahía-Sub
realiza saídas á illa da Toxa e pola ría de Arousa. Se o frío das augas fai cambiar de idea, pódese optar polo paseo en barco. Un guía informa sobre as vilas de vieiras e mexillóns mentres os pasaxeiros degustan un aperitivo.
Para comidas maiores, no propio Sanxenxo disponse dunha grande oferta gastronómica, baseada loxicamente no marisco e no peixe. É o caso do Mesón Don Camilo
(tel.: 986 691 124) e A Taberna de Rotillo
(tel.: 986 720 200, galardoado con dous Soles de Repsol), recoñecida polo revolucionario uso das algas na cociña. Os fieis da carne poden comprobar as calidades da tenreira galega no Asador do Museo (tel.: 986 721 133), tamén en Sanxenxo.