Repsol

Valldemossa, en Mallorca. Tras o mito de Chopin e George Sand


Poucos escenarios poden presumir de teren sido fonte de inspiración para un dos grandes músicos da historia. A cartuxa de Valldemossa si que pode facelo. Foi refuxio de Federico Chopin e da poetisa George Sand, que viviron unha intensa relación. Aquí o xenial pianista compuxo boa parte dos seus Preludios.

"Todo o que o poeta e o pintor poden soñar, a natureza creouno neste lugar". Así se expresaba Aurora Dudevant, nome real da poetisa George Sand, ao referirse a Valldemossa. Sand chegou a Mallorca no inverno de 1838. Acompañaba ao seu amor, o célebre pianista polaco Federico Chopin.

 

A cela na que se aloxou Chopin 

Chopin e George Sand hospedáronse en dúas modestas celas da Real Cartuxa de Valldemossa. Dende alí gozaron, en palabras de Chopin, do "máis fermoso lugar do mundo". Hoxe, pódese visitar a cela número 4, onde se aloxou o músico, e a sala do piano, co instrumento que ordenou traer dende Polonia. 

A ruta polo edificio nobre do complexo, o Palacio do Rei Sancho, inclúe, ademais, a cartuxa, a biblioteca, os xardíns do claustro e os salóns. Actualmente pódense reservar para organizar cócteles, reunións ou ceas.

Como xa non hai aloxamento na Real Cartuxa, que foi desamortizada en 1835, a mellor opción para intentar entender en primeira persoa o que sentiron Federico Chopin e George Sand é o hotel Valldemosa. Está situado no centro do val, elevado sobre un montículo dende onde se goza da vista da serra de Tramuntana, da cartuxa e da baía de Palma de Mallorca. Un espectáculo por si só.

Aquí pódese comprobar que Chopin non faltou á verdade. O hotel está situado no medio dun terreo de oliveiras e ten todas as comodidades que no seu día non puido gozar o enfermo músico. Os cuartos responden aos nomes de Frederic Chopin, George Sand, Miguel de Unamuno ou Rubén Darío e dispoñen de terraza privada.

 

Detalles pensados para un ambiente íntimo 

A dirección do estabelecemento, sabedora do romanticismo que buscan os hóspedes, ofrece unha serie de detalles para facer aínda máis agradábel a estadía: copa de benvida, cea á luz das candeas. Tamén se poden aproveitar os tratamentos de relaxación e beleza no propio cuarto. Como se supón que nalgún momento hai que saír do cuarto, pódese gozar ademais do spa con piscina interior, a sauna e o jacuzzi; botar unha ollada á prensa nacional e internacional, e pasear pola horta e a área de árbores froiteiras.

Para unha cea romántica, non hai que saír do hotel. O restaurante Valldemossa (tel.: 971 612 626, restaurante recomendado por Repsol) é un dos mellores de Mallorca. Ten un ambiente agradábel e relaxado e, o máis importante, delicias como o suquet de peixe sapo con ameixas e pistachos. Se xa se comeu nel, para a cea, indo en dirección a Deià, encóntrase o restaurante Ca'n Costa, que ocupa unha almazara en plena serra. Alí pódese tomar unha reconfortante sopa mallorquina.